Peregrino

Peregrino Sobrado. Rehabilitación de edificación existente destinada a pensión de 2* vinculada ao peregrino

Ficha técnica

Autores:

Estévez e González Arquitectos (Miguel Estévez e Luciano González)

Colaboradores:

Gabriel Alarcón Sabarís

E3 arquitectos e EeG arquitectos

Calcugal

Cálculo estructura de madeira:

E3 arquitectos e EeG arquitectos

Promotor:

Abeiro da Loba

Situación:

Sobrado dos Monxes (A Coruña)

Ano:

2017

Fotografía:

Héctor Santos Díez

Descrición

A intervención céntrase na rehabilitación dunha casa labrega do século XVIII e a súa contorna para pensión vinculada ao camiño de Santiago na súa variante norte. Situada nos arredores do núcleo tradicional de Madelos, en Sobrado dos Monxes, e limítrofe co concello de Boimorto. A proximidade ao Camiño de Santiago na súa variante norte, a 40 metros.

A edificación tivo diferentes ampliacións ao longo do tempo, ata a década dos 70 na que se abandona polo seu mal estado. Durante este tempo, a estrutura de madeira vaise deteriorando e parte dos muros de lousa colapsan. O proceso de abandono, ao igual que en moitos núcleos rurais polo éxodo do rural ao urbano, fai que se transforme a paisaxe. Así, os cambios sociais e culturais formalizan a paisaxe.

Do Prado ao Souto

1970- Prado- Relación íntima entre o prado-actividade-vivenda-edificación

2000- Souto- Desvinculación entre o souto e a edificación

Volver a vincular a edificación coa contorna.

Recuperar o acceso desde o norte como unha continuación do camiño.

A edificación como transición, a través dun gran espacio en planta baixa, cara o claro no bosque.

Consérvase todo o que se pode da edificación tradicional e os engadidos por funcionalidade como as habitacións en planta baixa ou o incremento en altura pénsanse como facer case nada.

Estratexias na contorna rural

Intervense en elementos característicos da edificación e a súa contorna. Co fin de poñer en valor, mediante a recuperación, reutilización e a proposición de novos elementos.

Estas accións teñen o fin de forzar a mencionada reciprocidade intentando difuminar a liña entre o patrimonio construído e a paisaxe.

Estas accións son:

  • Recuperación da lareira

  • Conservación do desnivel entre cociña e cortellos

  • Reutilización de restos do antigo forno

  • Reutilización da maseira

  • Recuperación de base de hórreo de madeira desaparecido

  • Recuperación da canle do antigo muíño

  • Recuperación de camiño e muro tradicional de pedra en seco

  • Deseño dunha cadeira denominada hatillo

O resto de accións foron colocar as antigas vigas da ruína para marcar a zona de aparcamento e reutilizar os dinteles de pedra deteriorados na pavimentación da contorna. 

A rehabilitación elévase nas zonas con necesidade de altura e ábrese cara o sureste, como consecuencia dos muros desaparecidos ou irrecuperables.

Coa finalidade de xerar esa mirada recíproca mediante estrutura, transparencia e materiais tradicionais, apoiados sobre os muros recuperados.

Estas novas formas aprovéitanse para xerar sistemas climáticos pasivos, mediante vidros que controlan a temperatura, cunha parra de folla caduca para control solar, a poza de auga xerando inercia térmica e a ventilación cruzada.

En planta baixa o camiño márcase no pavimento interior na búsqueda do claro do bosque, atravesando a estancia diáfana central.

En planta primeira, un corredoiro común na contorna da superficie acristalada volcada á terraza distribúe as habitación.

Buscouse a transparencia e a sinceridade construtiva, baseadas no sentido común da arquitectura popular.

Ao atardecer, na oscuridade do souto, a edificación maniféstase como un pequeno faro que volve a equilibrar a sinerxía doutrora, entre a contorna e a construción, formando un todo de instantes dunha realidade cambiante.

PREMIOS E RECOÑECEMENTOS

  • Accésit Premios Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe 2020
  • Seleccionado como mellores proxectos de arquitectura en madera do ano (AITIM) 2020