Casa Chao
Ficha técnica
(Juan Creus e Covadonga Carrasco)
Bárbara Mesquita e Celsa Pesqueira
Estrutura: Félix Suárez Riestra
Instalacións: Isabel Francos Anllo
José Manuel Chao
J.M. Rodríguez Garrido
Corcubión
2013
221,78 m2
Héctor Santos-Díez
Descrición
Memoria
Volver a construír unha pequena vivenda de pouco máis de 3 metros de ancho e 16 de fondo no extremo dunha mazá. A casa anterior: bar e vivenda con medianeira cega, ben orientada, situada no centro histórico desta vila da Costa da Morte.
Resolver con claridade a escena urbana, aportando unha visión renovada do modo de construír, sen esquecer a propia identidade, mediante referencias á historia e cultura do lugar.
Edificar en madeira, lembrando a construción marineira, empregando a táboa pintada de branco, cor insistente en galerías e entrepanos das casas da vila. Facer pétrea parte da planta baixa, en cotinuidade coas fachadas da rúa tradicional. Recoller o espírito da arquitectura popular sen renunciar a unha expresión propia.
Ter aproximadamente 120 m2 útiles repartidos entre b+2+bc. A planta baixa como entrada e garaxe para dous coches. A primeira, zona de día: estar e cociña. A segunda, habitación con estudo e baño. O baixo cuberta, habitación con baño.
Facer unha formulación sinxela baseada na dimensión lonxitudinal dun espazo diáfano e na centralidade dos accesos. A escaleira, arrimada á medianería, deixa estancias a cada lado, mentres a fachada, na súa parte central, faille sitio como saliente en plantas altas ou as aproxima como entrada a cuberto no acceso principal. As alturas dobres e as estreitas xanelas-balcón, relacionan as plantas entre si e o espazo exterior, sen chegar a mostralo todo.
Reinventar, coa súa apariencia urbana, un nuevo espazo vivo, ata agora en ruína e sen resolver.
Retos construtivos da obra
"Na solución da fachada da Casa Chao é clave a participación e implicación dos carpinteiros", sinalan os arquitectos.
Unha fachada tan exposta como esta ao sol, pero tamén á auga e ao vento, requiriu dun estudo previo do tipo de madeira, espesor e resolución da xunta. O taboleiro de iroco, cepillado a 3,5 cm de grosor e a "galleta" intermedia que une un co outro, permitindo o seu movemento, forman unha pel exterior solidaria e resistente.
O rastrelado, tamén de iroco, clavado sobre o muro de ladrillo macizo, con rebaixes e a cara interior ranurada do taboleiro, permiten a circulación do aire e a súa ventilación de arriba a abaixo.
As fiestras de cedro, desprazadas unhas de outras, obrigan ademais ao axuste dimensional do despezamento vertical, resolto mediante a utilización de tres anchos diferentes de taboleiro, estudados un a un para o seu encaixe total evitando recortes.
A folla das fiestras, situadas no interior dunha peza-caixón que atravesa todo o espesor da fachada, introduce a madeira no interior, onde volven a traballar os carpinteiros facendo portas, armarios, estanterías e escaleiras dun interior moi estreito que contrasta co formigón visto.
No centro da cociña, xunto ao panel luminoso recuperado do antigo bar que había na planta baixa, unha larguísima e estreita mesa feita en pino melis. "Unha casa cuxo vestíbulo, cada vez que volvemos, recíbenos con ese agradable cheiro dunha envoltura de cedro", afirman Creus e Carrasco.
PREMIOS E RECOÑECEMENTOS
Ano 2014:
Mención especial nos Premios FAD
Ano 2015:
Nominación ao Premio Mies van der Rohe
Recoñecemento no Día Mundial da Construción Sostible
Ano 2016:
Premio da Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo-BEAU
Premio Galego de Arquitectura
Selección Bienal Iberoamericana de Arquitectura e Urbanismo-BIAU
Comentarios Xurado aos recoñecementos obtidos:
Destácase a integración da nova edificación nun núcleo tradicional, ademais do deseño de interiores, a integración e diálogo que xera entre o interior e o exterior e o uso axeitado de materiais e elementos construtivos actuais para dialogar coas edificacións da súa contorna. Entre as características que se reformulan desde unha linguaxe arquitectónica actual, cóntase unha galería reinterpreatada polos arquitectos, así como un zócalo de pedra para darlle continuidade co inmoble contiguo e unha fachada de madeira.