A NOVA BAUHAUS. HISTORIA E OPORTUNIDADE PARA GALICIA
Introdución
A nova Bauhaus Europea é un proxecto posto en marcha pola Comisión Europea, en referencia aos principios emanados do movemento histórico xerado arredor a un grupo de arquitectos, artesáns, escultores, deseñadores, fotógrafos e pintores liderados polo arquitecto alemán Walter Gropius. En 1919, recentemente estreada a República Federal de Alemaña, Gropius creou a Escola Bauhaus na capital, Weimar, sendo o seu primeiro director.
Historia
Que é a Bauhaus? A palabra alemá “Bauhaus” significa “bau”-construción- e “haus”-casa, construción de casa. Foi promovida por uns mozos profesionais con inquedanzas por construír unha sociedade máis racional, con maior funcionalidade e menos economicista. Unha especie dunha harmonía musical moderna.
Pero a historia do movemento viña fraguándose desde hai tempo. Os pobos alemáns, cos seus diferentes reinos, ducados e condados, sempre tiveron cinco obxectivos comúns moi claros: o idioma alemán (Deutsch), o territorio (o espazo vital ou Lebensraum), a raza superior (Herrenvolk), a supremacía económica e formar unha gran nación, toda unha filosofía que lle levara a sobresaír por encima dos demais pobos e nacións europeas.
Debido ás guerras napoleónicas e ás continuas desavinzas dalgúns reinos e ducados alemáns, sobre todo os do norte, cos emperadores poríase fin ao Sacro Imperio Románico-Xermánico, coa abdicación de Francisco II, en 1806. Pero os pobos alemáns intentaron manter sempre a hexemonía en Europa, por iso, desaparecido o I Reich, pronto nace a gran confederación dos pobos alemáns co Imperio Austrohúngaro, formando a gran Alemaña e, máis tarde, disolta dita confederación, formaríase a federación do norte liderada por Prusia, quen conseguiu asociar ou someter aos reinos, ducados e condados do norte, formando o gran reino Prusiano.
Vendo os reinos e ducados do sur o puxante desenrolo industrial do reino de Prusia, baseado principalmente no aceiro e o carbón da conca do Ruhr, o 17 de xaneiro de 1871, da man do chanceler de Prusia, o xeral Otto Eduard Leopold von Bismark, produciuse a unión dos reinos de Baviera, Würtemberg, o ducado de Hesse-Darmestadt e o gran ducado de Badem coa federación do norte. Xurdiría, deste modo, o Zollverein, unha unión aduaneira que daría lugar, máis tarde, ao Imperio Alemán (o II Reich), cuxo primeiro emperador foi o rei Guillermo I, de Prusia, converténdose no Káiser dos 38 estados alemáns.
Consolidado o gran imperio, a revolución industrial e económica foi fulgurante na nova nación alemá, conseguindo poñerse á par do Imperio Británico e, en moitos eidos, incluso superalo.
A principios do século XX, as empresas alemás como Krupp, Thyssen, Badische-Anilin, Daimler-Benz, Allgemeine Elektricitäts Gesellschaft (AEG), Siemens ou os grupos mineiros da conca do Ruhr, eran xa grandes compañías que necesitaban de naves industriais, oficinas e vivendas para os traballadores. Pero a inmensa maioría das empresas preocupáronse máis da parte económica que da social e a corporativa. Era necesario un cambio, os grandes grupos necesitaban, ademais, do triunfo mercantil, dar, tamén, unha boa imaxe.
Por outra banda, os mozos enxeñeiros, arquitectos e artesáns tiñan novos conceptos dos produtos, da forma de traballar e de vivir. A recente forma de produción en cadea, moito máis esixente, necesitaba naves industriais más amplas e luminosas, ademais de vivendas para os traballadores máis confortables.
Precisamente, por esa inquedanza das grandes corporacións e industrias de mellorar as condicións de traballo, os deseños dos seus produtos e a imaxe corporativa, naceu a relación dalgúns deseñadores e arquitectos coa empresa AEG, quen en 1907 contratou como consultor artístico corporativo a Peter Behrens, pintor, deseñador e arquitecto formado nas prestixiosas escolas de Karlsruhe y Düsseldorf. Profesional con recoñecido prestixio e precursor das liñas xeométricas austeras. Foi el quen acuñou a expresión “menos é máis”, atribuída erroneamente a Ludwig Mies van der Rohe, quen fora o seu axudante e o gran impulsor, máis tarde, do “minimalismo”. No seu despacho traballaron tamén Walter Gropius, Adolf Meyer y Le Corbusier, promotores todos eles da arquitectura Bauhaus.
Ademais de deseños de electrodomésticos, mobles e vivendas, Behrens destacou como o gran precursor da arquitectura industrial, sendo a súa obra máis emblemática a “nave de turbinas de AEG”. Proxectada en Berlín en 1908, trátase dunha nave modular rectangular, construída con estrutura de aceiro e gran luminosidade no seu interior que lle daba un certo aire de elegancia. Tanto é así, que foi considerada a capela sixtina industrial. Actualmente, é Patrimonio da Humanidade da UNESCO e pertence ao grupo Siemens.
En 1911, Carl Benscheidt, dono da empresa “Fagus”, encargou a Walter Gropius y Adolf Meyer o proxecto dunha nova fábrica. A construción deste edificio industrial e das vivendas dos traballadores, sería o primeiro traballo como arquitectos autónomos de Gropius e de Meyer. Este edificio albergaba unha fábrica de hormas para zapatos, elaboradas con madeira do xénero da haxa, de aí o nome de “Fagus”. O edificio foi declarado Patrimonio da Humanidade da UNESCO no ano 2011 e actualmente é a sede oficial da empresa GreCOm, que produce equipos de alta tecnoloxía para a transformación da madeira, pero segue mantendo unha pequena sección de fabricación de hormas de zapatos en recordo ás súas orixes.
Como se pode observar nas fotos, os dous edificios (a fábrica de turbinas de AEG e a de Fagus) teñen unha certa similitude, tanto no deseño como nos materiais. A influencia de Behrens nos seus discípulos é evidente.
Outra das grandes obras arquitectónicas industriais da Bauhaus é a construción da mina de carbón de Zollverein, en Essen, Alemaña, considerada a mina máis fermosa do mundo, cuxo proxecto de execución realizouse en 1932 por Fritz Schupp e Martín Kremmer e inscrito pola UNESCO en Patrimonio da Humanidade, en 2001.
Nos primeiros anos do século XX, moitos profesionais que apoiaban unha nova forma de ver o deseño, a arquitectura, a artesanía e a pintura, a denominada filosofía da ciencia e as artes libres e independentes, “die freie Wissenschatf”, revolucionarían o mundo da construción. Era tamén unha certa rebeldía dalgúns intelectuais e profesores alemáns fronte á “loita cultural” (Kulturkampf), imposta por Prusia dunha forma contumaz en todos os estados do Imperio. Pero a Gran Guerra, iniciada en 1914, poría fin a esta corrente intelectual durante varios anos.
O que pretendía este grupo de profesionais era construír con máis simplicidade, funcionalidade e luminosidade, utilizando liñas rectas, espazos abertos e as cores primarias e aplicando o concepto de “obra de arte total” (Gesamtkunstwerke). En definitiva, volver a un urbanismo básico e a unha sociedade máis humana e menos egoísta.
O claustro de profesores da Bauhaus estaba formado, ademais de Walter Gropis y Adolf Meyer, por outros profesionais destacados no mundo da arquitectura e a arte, como por outros profesionais destacados no mundo da arquitectura e a arte, como Ludwig Mies van der Rohe, Kandinsky, Klee, Laszlo Moholy-Nagy, Oskar Schlemmer, Bauer, Fritz Schupp, Martín Kremmer e Theo Doesburg, entre outros.
Todo o mundo estaba entusiasmado coa nova forma de traballar na Escola. A liberdade de ensinanza era total. Durante un tempo, incluso, chegou a ter máis alumnas que alumnos, o que era moi pouco frecuente naqueles tempos.
Pero as cousas non tardaron en cambiar. Alemaña estaba angustiada co pago das súas obrigacións cos vencedores da Primeira Guerra Mundial, debido ao humillante pacto de Versalles que os aliados, principalmente Francia, fixeron firmar a Alemaña, ademais da hiperinflación e as desordes públicas causadas polas loitas obreiras e os partidos políticos emerxentes, como o partido de traballadores alemáns (Deutschearbeiterpartei).
Vendo o desastre que se aveciñaba, aínda Gropius non tiña vinculacións políticas, tivo que aceptar durante un tempo algún cargo de menor relevancia para poder manter aberta a Escola e o seu despacho de arquitecto, ante as presións das autoridades de Weimar.
En 1925, a Escola foi trasladada a Dessau, sendo dirixida dous anos máis tarde polo arquitecto e urbanista suízo, Hannes Meyer ata 1930. En 1932 volvería a Berlín baixo a dirección de Lyudwig Mies van der Rohe, pechando definitivamente as súas portas en 1933 coa chegada ao poder de Hitler.
Walter Gropius naceu en Berlín, era fillo e neto de famosos arquitectos, sobre todo o seu avó Martín. Formouse nas afamadas escolas de Berlín e Múnich e, durante un tempo, formou parte do despacho de arquitectura de Behrens. Despois da etapa da Bauhaus, tivo que exiliarse en Londres acusado de divulgar arte dexenerada polos nacional-socialistas de Hitler. Máis tarde, trasladaríase a Estados Unidos, onde traballou como arquitecto e impartiu clases na Universidade de Harvard.
A Nova Bauhaus Europea
En referencia aos principios fundamentais daquel movemento histórico que recentemente cumpriu os 100 anos do seu nacemento, a presidenta da Comisión Europea, Úrsula von der Leyen, no seu discurso sobre o estado da Unión, o 16 de setembro do 2020 ante os membros do Parlamento Europeo en Bruxelas, como recordo a aquel movemento e estilo de facer as cousas da Bauhaus, dixo: “Desexo que os Next Generation da UE impulsen unha onda de renovación europea e que faga da nosa Unión, un líder da economía circular”.
Que persegue a Nova Bauhaus?
O que se pretende con este novo proxecto é unha maior sustentabilidade: obxectivos climáticos, circularidade na economía, contaminación certo e biodiversidade.
Pero non se trata só dun proxecto medioambiental, senón de crear unha forma de vivir diferente, con mellor calidade e funcionalidade, tendo en conta tamén a inclusión, é dicir, garantindo a accesibilidade e a asequilibilidade. É unha forma de volver ao pasado utilizando os avances tecnolóxicos do presente, conectando a cultura e a tecnoloxía, tratando de desenvolver proxectos económicos aproveitando os recursos naturais dunha forma responsable e respectuosa coa contorna.
Neste sentido, Galicia conta cunhas condicións de chan e clima que a fai moi atractiva para desenvolver proxectos próximos ao medio natural, con posibilidades de xerar riqueza endóxena en sectores como o forestal, o gandeiro, a agricultura, os produtos da pesca, minería, enerxía renovable, etc., ademais tamén dispón dunha arquitectura no medio rural e as poboacións pequenas, aínda aceptable para a rehabilitación. Como afirma o arquitecto inglés, David Chipperfield, afincado en Galicia, presidente da Fundación RIA e premio Pritzker de Arquitectura 2023, “a contorna natural de Galicia non é unha paisaxe para observar, senón que é unha paisaxe produtiva”. De feito, foi esta forma de vida vinculada ao territorio a que sustentou a economía galega durante moitas décadas. Tampouco conta Galicia cun desenvolvemento industrial esaxerado nin grandes urbes, o que podería ser outro atractivo para a aplicación do proxecto da Nova Bauhaus.
Quizais o maior obstáculo para a súa implantación é a ordenación do territorio. A dispersión e o despoboamento do mundo rural na maior parte de Galicia, débese ao éxodo no último século, primeiro a Latinoamérica, despois a Europa e ás grandes cidades españolas como Bilbao, Madrid ou Barcelona e, máis tarde, ás grandes áreas metropolitanas galegas, construíndo desta forma un peri urbanismo arredor a Vigo e A Coruña, dando forma a un novo urbanismo en Galicia e unha nova mobilidade. Pero o máis grave é que se concentrou o 80% da poboación galega nunha franxa a 40 quilómetros da costa, que vai desde Tui a Ribadeo.
Reverter esta situación e levar a cabo este novo proceso de vida máis unido ao territorio e menos ás grandes urbes, non é imposible pero si complicado. Se a iso unímoslle, ademais, a baixa autoestima e formación inadecuada nunha boa parte dos que se quedaron nas zonas rurais, principalmente nas zonas do interior, o esforzo requirido será aínda maior.
Aínda que nestes últimos anos melloráronse moito as infraestruturas básicas e a rehabilitación de vivendas, será necesario seguir impulsando e optimizando as obras hidráulicas, instalando redes de electricidade coa potencia necesaria, conectividade a internet rápida e segura, comunicacións terrestres cos centros administrativos, portos e aeroportos, apropiados a esta nova forma de vida e, sobre todo, dispoñer do capital humano coa aptitude e actitude axeitada para desenvolver ditas iniciativas.
A música da iniciativa da Nova Bauhaus, en principio, soa ben. Esperemos que os burócratas europeos sexan capaces de poñer a letra axeitada e que os nosos directores de orquestra e músicos sexan capaces de interpretar ben esta nova partitura.
((Artigo de Jaime D. Bermúdez Alvite, ex directivo de empresas e fundador do CIS Madeira-Galicia))