Centro de Día para Maiores, en Leiro

Centro de día de maiores de Leiro

Ficha técnica

Autores:

Müller.Feijoo Arquitectos

Estefanía Vázquez Müller e Roi Feijóo Rey

Arquitecto técnico:

José Jaime Vázquez Iglesias

Cálculo estructura de madeira:

Xoán Carlos Malvárez

Promotor:

Concello de Leiro

Construtora:
Situación:

Leiro, Ourense

Ano:

2013-2016

Superficie:

695 m2

Fotografía:

Müller.Feijoo Arquitectos

Descrición

Memoria:

A parcela na que se constrúe o centro de día, moi próxima e lixeiramente elevada sobre o curso do río Avia, ten un forte desnivel natural transformado mediante un sistema de terrazas escalonadas chamadas socalcos formados por muretes de mampostos de granito, un sistema tradicional moi habitual nesta rexión de viñas que permite dispoñer de terreo cultivable en parcelas nas que a pendente impide a súa explotación.

Estas terrazas tradicionais ascentes cara o Norte e as vistas sobre o río Sur, suxiren encaixar o edificio como unha terraza máis para posteriormente reconstruír os socalcos existentes con pedras propias atopadas na parcela e outras procedentes de construcións en ruínas da contorna. 

O acceso ao centro de día realízase a través dunha ampla plataforma exterior axardinada, accesible desde a beirarrúa peatonal e desde o aparcamento de vehículos adaptados. É neste xardín onde se poderán desenvolver as actividades ao aire libre do centro cando o tempo o permita. 

A sala polivalente e os espazos de relación exteriores, que están completamente volcados cara o río, gozan das vistas e da orientación sur sureste, mentres que as actividades que requiren máis privacidade como o comedor, a consulta médica e a sala de rehabilitación, desprázanse á parte posterior e ilumínanse e ventilan a través dun patio axardinado. Na zona central, articulando todas as actividades do centro, sitúanse os servizos comúns, gardarroupa, aseos, cociña e almacéns.

Todas as salas de actividades ábrense e esténdense ao exterior grazas a un cerramento case completamente de vidro, protexido polo voo da cuberta e unhas contrafiestras móbiles de listóns de madeira de iroko que permiten regular a radiación solar, a iluminación natural e a exposición pública da sala polivalente.

A configuración interior e formal do edificio, a súa relación co lugar e a implantación na parcela, o emprego de materiais construtivos naturais (granito, madeira e aceiro) que reflicten o paso do tempo sen perder a súa beleza, a cuberta axadinada, os sistemas pasivos de climatización, todo responde á intención de integrar o construído na paisaxe, ser funcional e eficiente enerxeticamente e ofrecer espazos interiores e exteriores confortables para que os futuros usuarios do centro se apropien del con naturalidade.

PREMIOS E RECOÑECEMENTOS

  • Premio Gran de Area 2017. COAG
  • Finalista Premios Lledó Arquitectura 2018
  • Finalista Premios de Arquitectura e Rehabilitación de Galicia 2018

Información e material gráfico extraído da web de Müller.Feijoo Arquitectos.