Casa Panchés
Ficha técnica
Óscar Andrés Quintela e Iván Andrés Quintela
Marina Vigo Formoso
Adrián Díaz Bóveda e Elisa Pose Méndez
Maximino Fernández Santiago
Horta das Ameixeiras, Carnota.
2023
107,25 m2
Denís Estévez Fernández
Descrición
Memoria:
O proxecto resolve unha pequena vivenda respondendo a tres premisas claras:
- A parcela, na falda do monte Pindo, conta cunha forte pendente que descende na dirección este-oeste, minimamente domesticada por muretes que xeran pequenos bancais.
- O territorio no que se asenta, no límite do núcleo construído, caracterízase pola presenza de afloramentos graníticos e construcións tradicionais executadas con fábricas da mesma pedra. O subsolo do solar conta con este tipo de roca a escasa distancia da superficie.
- O asentamento conta con vistas panorámicas ao mar desde o sur ata o noroeste. Nesta orientación, acompañando á posta do sol en verán, amósase Finisterrae, o punto máis occidental do noso continente.
Atendendo ao seu carácter panorámico, a planta resólvese como un pentágono regular que se contempla ao este, entregándose de maneira ortogonal. As dúas fachadas que se abren ao mar (suroeste e noroeste) resérvanse para o porche-balcón e para o comedor-estar; aquí un gran oco enmarca as vistas ao cabo de Fisterra. Ao este, en planta baixa, resólvese un dormitorio, o aseo e a cociña. O centro da planta ocúpao a escaleira que se presenta como un gran piar vaciado, que dá acceso á habitación principal e apoio á estrutura de cuberta. O dormitorio de planta alta mira ao Pindo e volca sobre o porche e o estar-comedor.
Proxéctase unha losa de formigón armado que toca o terreo na súa fachada este e elévase asomándose á ladeira por riba da vexetación e presentándose como unha terraza-miradoiro ao oeste. Dita plataforma descarga sobre piares que reducen ao mínimo a súa sección no contacto co terreo, posándose sen alterar practicamente a súa topografía e sorteando os muretes existentes. Sobre ela, sitúase a vivenda resolta en madeira.
Na fachada ao camiño de acceso á vivenda, preséntase como unha humilde construción resolta a dúas augas que remite a unha tipoloxía concreta que conta con varios exemplos na zona: pequenas vivendas de xeometría sinxela que se engalanan ao presentarse á vía de acceso con recursos sinxelos como petos que ocultan o material de cuberta, simetrías de clara vocación compositiva e remates ornamentais. A vivenda propón unha chiscadela a estas edificacións; proxéctase con un canlón oculto que xera un pequeno peto e presenta unha prominencia no eixe da fachada este que resolve un filtro para o dormitorio do baixocuberta e a xanela do aseo de planta baixa. Tal como esixe a solución para unha situación tan exposta, a cuberta, a catro augas, conta con pendentes pronunciadas dando lugar, así, a un xeneroso volume interior que enriquece a espacialidade da vivenda. O xogo de visuais en diagonal que se habilitan, tanto en planta como en sección, e a disposición dos ocos que as conectan co exterior aumentan a sensación de amplitude.
PREMIOS E RECOÑECEMENTOS
- Premio Egurtek de Edificación 2024
- Premio de Arquitectura, Obra Nova, de Hispalyt 2024
- Premio Arquitectura en Madeira CESUGA 2024
Información e material gráfico extraído da web de Arrokabe Arquitectos.