Casa dos Profesores
Ficha técnica
Jorge Enríquez e Adrián Pinaque, ARQXÉ Arquitectura
Óscar García Castro
Andrea López
Jorge García
Tui (Vigo)
Decembro 2021
Iván Casal Nieto
Descrición
A Casa dos Profesores supón un reencontro co pasado, coas emocións e cos recordos vividos e que, trala explosión ocorrida o 23 de maio de 2018, esfumáronse nun abrir e pechar de ollos. Supón un reencontro no que a arquitectura debe aportar, unha vez máis, os fundamentos e as ferramentas necesarias para asistir e colaborar cos individuos que a habitan na reconstrución do lugar e, sobre todo, da súa memoria.
Orixinalmente, a parcela contaba cunha vivenda unifamiliar formada por un conxunto de volumes de diferentes alturas e diferentes materialidades, que se relacionaban entre si a través de espazos exteriores cubertos e adosándose entre eles.
A proposta do proxecto parte de recuperar a forma de relación dos volumes tradicionais que existía no conxunto orixinal e que se materializaba mediante a xeración de espazos ou estancias "auxiliares" que lles servían. Xorde así a idea de reordenar os 3 volumes tradicionais orixinais (as súas vivendas e a adega) conséndoos entre si mediante outros volumes máis baixos, xerando a relación directa entre espazos servidos e espazos servideiros.
A idea primixenia foi a de renacer a partir dos muros de pedra da antiga vivenda xerando un basamento sólidon sobre o que se posan uns corpos máis liviáns resoltos en madeira, nunha procura de formalizar o arquetipo vivenda. Debido ao mal estado de conservación dos muros, finalmente resólvese cun muro de fábrica revestida, xerando unha base continua, sólida e masiva, a adega, que se resolverá nunha fase posterior, manterá a base pétrea orixinal que se pretendía na vivenda.
A casa está resolta por varios volumes con cubertas a dúas augas e cunha envolvente continua en madeira que procura a lixeireza e verticalidade dominando o novo conxunto.
Funcionalmente, cósense mediante volumes planos, máis baixos, que sirven aos espazos principais albergados baixos as dúas augas. Debido á composición rocosa do terreo, a excavación vólvese complexa e custosa polo que se manteñen unicamente as dúas alturas no volume sur, permitindo xerar un espazo elevado destinado a dormitorio principal, estudo e espazos de lectura funcionado, á súa vez, como miradoiro.
O proxecto atópase rodeado doutras vivendas unifamiliares, a maioría recén reconstruídas, terreos de cultivo e grandes árbores, nunha contorna entre o natural e o "neorural". COn esta resposta inténtase mostrar que hai unha nova forma de entender a arquitectura rural e que hai outros modos de proxectar xerando novas identidades; recurrindo a modos de construír tradicionais e ao emprego de materiais tradicionais con aplicacións contemporáneas.
A Casa dos Profesores xorde dun pequeno proxecto de vivenda unifamiliar contido en superficie, que busca unificar a identidade tradicional do pasado coa imaxe contemporánea do presente, todo iso, a través da xeración duns volumes primitivos puros e dunha materialidade continua e natural.
PREMIOS E RECOÑECEMENTOS
- Premio Gran de Area 23 (Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia)
- Finalista Premios de Arquitectura e Rehabilitación de Galicia 2023 (Xunta de Galicia)
- Obra seleccionada XX Premios COAG (Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia)
- Finalista mellores proxectos de arquitectura en madeira 2022 (AITIM)