Casa 2M e Medio
Ficha técnica
Álvaro Marín e Alfonso Castro, Dosesmas Arquitectos
Julio Jorge Durán, arquitecto técnico, director de execución
Privado
Construcciones Alcalde García
Santiago de Compostela
2023
Héctor Santos Díez
Descrición
"Casa 2 M e medio" representa unha nova oportunidade de intervención nunha das parcelas máis estreitas do Casco Histórico de Santiago. Con tan só 1,95 metros de ancho nun extremo e 2,50 m noutro, e uns 28 m2 útiles por planta, esta vivenda entre medianeiras, con acceso e fachada desde dúas rúas, e un salto de cota entre ambas dunha planta, distribúe o seu programa verticalmente conectando os seus espazos visualmente e tomando como fío condutor, o percorrido da súa escaleira.
A escaleira, máis ou menos centrada na planta, vertebra e conecta os seus diferentes espazos e plantas, actuando como canón de luz, no centro da casa, difundíndoa desde a cuberta. O programa da vivenda atópase dividido por plantas, ubicando as zonas máis públicas nas plantas semisoto e baixa. A planta semisoto, con acceso directo a unha pequena pracita que se xera nas traseiras dalgunhas vivendas e que está directamente conectada coa rúa Algalia de Abaixo, contén a cociña-comedor e un pequeno aseo-lavadoiro,-sala de instalacións. Desde a transitada e popular rúa Algalia de Arriba, atopamos a entrada principal da vivenda, co seu vestíbulo, zona de lectura e estar.
Catalogada polo Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica. PE-1, a intervención trata de poñer en valor e rehabilitar, todos aqueles elementos destacados na súa ficha: chemineas, gárgolas, balcóns, carpinterías, herraxes, recercados, basamentos, antepeitos, inscricións, etc. Neste último caso, durante a escavación poideron recuperar o solado de pedra orixinal, da planta semisoto, que desaparecera baixo pavimentos sobrepostos ao longo da súa historia.
A rehabilitación desta vivenda entremedianeiras parte dunha vontade clara de revelar a memoria construtiva do lugar e facela convivir cunha linguaxe contemporánea. As medianeiras de pedra, liberadas e deixadas á vista, recuperan a súa condición tectónica orixinal e actúan como soporte físico e simbólico do proxecto, establecendo un diálogo directo coas novas estruturas de vigas laminadas de madeira, tamén vistas, que aportan lixeireza, calidez e precisión construtiva. Os pavimentos de madeira reforzan esta atmosfera doméstica e continua, mentres que a escaleira central de chapa metálica perforada introduce un contrapunto industrial e abstracto, converténdose nun elemento vertebrador do espazo e da luz. O proxecto non busca ocultar nin substituír o existente, senón poñer en valor a superposición de tempos, materiais e técnicas, construíndo unha arquitectura honesta, lexible e profundamente arraigada ao seu contexto.
PREMIOS E RECOÑECEMENTOS
- Premio Próximos 2026 do COAG
Finalista para os Premios de Arquitectura 2026 do CSCAE